Pasado, presente e futuro dos drones

Charla Higinio González

O profesor titular da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense, Higinio González, ofreceu onte unha charla en directo a través da páxina de Facebook da Unidade de Cultura Científica e da Innovación titulada “Drones en tarefas de limpeza de superficies”.

Durante a mesma, o investigador explicou que é un dron; como foron as súas orixes, incluíndo algunhas anécdotas interesantes, as súas principais aplicacións desde 2015 a 2020 (en campos como a topografía, o eido audiovisual, a inspección industrial ou as emerxencias…) e o futuro que lles agarda desde estas datas ata 2030 (air taxi, loxística, enxames de drones, etc). Por último, afondou no seu uso para a limpeza de diferentes lugares que implican maior dificultade de acceso ou que son de grandes dimensións, por exemplo.

Como é de costume neste tipo de actividade, houbo unha quenda de preguntas nas que se abordaron cuestións como o uso destes vehículos en espazos domésticos ou na desinfección contra a COVID-19. Tamén houbo cuestións sobre a súa utilidade na detección precoz de lumes ou a súa normativa e uso como ocio individual.

Desde a UCC+i queremos agradecer a implicación de Higinio González nesta iniciativa e a participación das persoas que seguiron a súa charla e formaron parte da mesma coas súas preguntas e comentarios. A continuación, animámosvos a pinchar na seguinte ligazón para afondar neste tema.