DUVI | “A súa achega estética, como poeta e como director de cine, é extraordinaria e moi singular, non ten nada que ver con case nada do seu tempo nin do de agora”. Deste xeito subliña o profesor da Facultade de Belas Artes Alberto Ruiz de Samaniego a relevancia do cineasta, poeta e ensaísta italiano Pier Paolo Pasolini (1922-1975), cuxa obra e traxectoria é analizada por este investigador, crítico e comisario no libro El lugar era el desierto. Publicado pola editorial Shangrila, o volume reúne tres ensaios nos que Ruiz de Samaniego reflexiona sobre a influencia da pintura na súa linguaxe fílmica, sobre a súa “poética cinematográfica” e sobre “a alegoría de carácter teolóxico-político” que trazou no filme Teorema.
“Pasolini é unha das figuras máis importantes dos últimos 50 anos”, defende o profesor de Estética, que reuniu neste volume tres textos independentes, pero que “comparten a mesma atmosfera”, vinculada con esa idea do deserto reflectida no título do libro. Idea coa que Ruiz de Samaniego fai referencia a un tipo de iluminación característica do seu cinema, á que o propio director se refería como “sol exipcio”. Asemade, esa idea do deserto alude tamén, dun xeito metafórico, a “unha proba extrema de habitar, que convoca toda a sensación de soidade, a sensación de camiñar polo deserto” dun “poeta que se amosa a si mesmo a través dos seus materiais” e que…