DUVI | A resistencia antimicrobiana está designada pola Organización Mundial da Saúde (OMS) como unha das principais ameazas do noso tempo, superada unicamente polas cardiopatías ou os accidentes cerebrovasculares. Introducir unha nova clase de indutores do sistema inmunolóxico, capaces de mellorar os mecanismos de defensa microbiana innatos do corpo humano, para combater a resistencia antimicrobiana e reducir a incidencia das 13 infeccións bacterianas máis perigosas do mundo. Este é o principal obxectivo co se pon en marcha o proxecto europeo IN-ARMOR (Therapeutic Epigenetic Enhancement of the Innate Immunity to Effectively Combat Antimicrobial Resistance), unha iniciativa financiada ao 100% pola Unión Europea a través do programa Horizon Europe e coordinado cientificamente pola University of Iceland, completando o consorcio outras oito universidades e institutos de investigación, que colaboran con sete socios médicos e industriais, representando así a dez países da Unión Europea, entre os que se atopa o CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo.