Podcasts Ciencia de Ida e Volta con motivo do Día Mundial da Saúde

Podcasts

Dentro do noso plan de actividades “Ciencia de Ida e Volta”, que conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia e Innovación, elaboramos e difundimos unha serie de catro podcasts en conxunto co medio de divulgación científica GCiencia con motivo do Día Mundial da Saúde, que se conmemora hoxe 7 de abril. Trátase dunha serie de entrevistas con investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo que explican o seu traballo vinculado ao ámbito das enfermidades cardiovasculares, que a día de hoxe supoñen a principal causa de morte no noso país.

Por iso, a UCC+I e GCiencia unímonos para abordalas dende múltiples perspectivas, tanto desde a área de informática, como a bioloxía, a bioenxeñaría e o salvamento. Todo dunha forma dinámica e amena para que a sociedade poida coñecer a aportación do persoal investigador da Universidade de Vigo para mermar esta lacra.

A xornalista de GCiencia, Laura Veiga, é a condutora do espazo no que a través dunha charla afondaremos nos últimos avances a este respecto do catedrático Ramón Hermida, que forma parte do Laboratorio de Bioenxeñaría e Cronobioloxía de atlanTTic; a catedrática do grupo de Xenómica e Biomedicina do Cinbio, Diana Valverde; o investigador do Laboratorio de Informática Aplicada, Víctor Mondelo; e os investigadores do grupo REMOSS, Roberto Barcala e Felipe Fernández.

Durante estas charlas, tratamos cuestións de interese xeral respecto non só da diagnose, senón tamén do tratamento ou posibles consecuencias das enfermidades cardiovasculares. Así, comenzamos achegándonos á importancia da reanimación cardiopulmonar ante unha parada cardiaca da man de Roberto Barcala e Felipe Fernández, do grupo REMOSS. A continuación, podemos saber máis sobre unha enfermidade como a hipertensión arterial pulmonar que ten como unha posible consecuencia a parada cardiaca e coñecemos a investigación xenética realizada neste senso pola catedrática do Cinbio Diana Valverde. Ademais, o catedrático de atlanTTic, Ramón Hermida, fálanos sobre a importancia do sono coa saúde cardiovascular e, por último, o investigador do Laboratorio de Informática Aplicada, Víctor Mondelo, explicounos un sistema informático que desenvolveu para que sirva de apoio para os profesionais sanitarios á hora de realizar a diagnose de electrocardiogramas.

Aquí poderedes descubrir o traballo destas persoas! Dádelle ao play!