Pode a protección dos petróglifos evitar incendios forestais?

Julia Armesto e Juan Picos

DUVI | Na análise que, no marco dun convenio coa Deputación de Pontevedra, investigadores e investigadoras da Escola de Enxeñaría Forestal realizaron da vaga de lumes que en 2017 asolou o sur de Galicia, atopáronse cun episodio que non prevían, o acontecido na área arqueolóxica de Tourón, en Ponte Caldelas. As características deste conxunto de pinturas rupestres e os labores de conservación e roza da vexetación da súa contorna fixeron que esta actuase como freo ante o lume máis extenso dos rexistrados en outubro daquel ano, evitando que as lapas alcanzasen unha masa boscosa situada ao seu carón. Este feito levou aos investigadores e investigadoras do campus pontevedrés a preguntarse se a protección de elementos patrimoniais como os petróglifos pode á súa vez contribuír a evitar ou diminuír os efectos dos incendios forestais. Pregunta á que trata de dar resposta o proxecto Paleointerfaz, seleccionado na convocatoria de proxectos de I+D+i Retos Investigación, do Ministerio de Ciencia e Innovación e que ten como obxectivo o “desenvolvemento de ferramentas e estratexias de xestión integrada de xacementos arqueolóxicos e incendios forestais”, como destaca a súa investigadora principal, a profesora Julia Armesto.