Pont-Up Store abre o prazo de presentación de candidaturas para a súa décima edición

DUVI | Este venres 9 de xuño ábrese o prazo de presentación de candidaturas para participar na décima edición do Pont-Up Store, “o principal evento de fomento da innovación e o emprendemento do noroeste peninsular”, como sinalan desde a organización, que se desenvolverá os días 29 e 30 de setembro en Pontevedra. Promovido pola Universidade de Vigo, no marco do Campus Crea, e organizado polo grupo de investigación G4P Plus Desenvolvemento Estratéxico: organizacións e territorios e a Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store, co Concello de Pontevedra como patrocinador principal, este evento achega aos novos emprendedores e emprendedoras a posibilidade de dar a coñecer os seus produtos e servizos. Nesta décima edición disporán de dúas modalidades para facelo, a través do 35 stands gratuítos que se instalarán no recinto da Praza de España e do evento Pont-Up Exprés, no que dez novos emprendedores e emprendedoras presentarán os seus proxectos a representantes do tecido empresarial galego.