Alumnado do Programa para Maiores (PUM) da Universidade de Vigo achegará a súa experiencia e coñecemento á sociedade nun ciclo de charlas que comeza hoxe en Pontevedra. Esta actividade enmárcase dentro do plan anual Ciencia de ida e volta da UCC+i, financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia e Innovación.
Para levar a cabo a iniciativa, organizáronse emparellamentos con persoal investigador da UVigo, de maneira que os estudantes sénior que participan contan cun mentor experto no tema a tratar. Con el/ela, traballaron tanto os contidos como a forma da conferencia que presentarán en público neste mes de xuño. A idea é achegar todo este coñecemento á sociedade en xeral, levalo fóra dos campus e poñelo a disposición da cidadanía. Para isto, apostouse por impartir estas conferencias en bares e cafeterías das cidades de Vigo, Ourense e Pontevedra.
En total serán tres charlas, que comezan hoxe en Pontevedra, na cafetería La Gramola ás 18.00 horas. O alumno Amancio Castro falará das Herbas de San Xoán, tendo en conta a súa próxima celebración. Para preparar esta exposición, Amancio contou coas achegas da investigadora Eugenia López de Silanes, doutora en Ciencias Biolóxicas e profesora titular na Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra, que estará presente no relatorio.
A seguinte cita será en Ourense o 26 de xuño, ás 17.00 horas, en El Cercano. Desta volta, baixo o título Como emprender: historia dunha pequena empresa familiar, o faladoiro estará a cargo dos estudantes Miguel Ángel Martínez e Antonia Blanes. Neste caso contaron co asesoramento de Alberto Vaquero, investigador do grupo GEN (Governance and Economics Research Network) e coordinador do PUM no campus de Ourense, quen tamén estará presente.
O programa concluirá en Vigo o mércores 28 de xuño ás 19 horas no Café Uf Negra Sombra, cun evento que contará tamén coa presenza da vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da UVigo, Belén Rubio. Nesta cita, Pedro Javier Zunzunegui, estudante do programa, falará sobre Protección catódica de tubería e equipos enterrados, co asesoramento da coordinadora do Programa para Maiores, Carmen María Abreu, investigadora no grupo Encomat, que tamén acudirá á cita.
Agardámosvos!