Pontevedra conta con 60 postos de traballo por cada 100 habitantes

DUVI | O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o director do grupo G4Plus da Universidade de Vigo, Pedro Figueroa, presentaron este xoves os datos finais do informe sobre a situación laboral no municipio desenvolvido por este grupo de investigación da Facultade de Comunicación. Tras dar a coñecer a comezos de marzo un primeiro avance centrado nas afiliacións á Seguridade Social, o documento completouse cos datos de afiliacións de empregados públicos na Mutualidade Xeral de Funcionarios Civís do Estado (Muface), a Mutualidade Xeral Xudicial (Mufeju) e o Instituto Social das Forzas Armadas (Isfas). As cifras finais, explicaron, sitúan o número total de traballadores e traballadoras en alta laboral que residen en Pontevedra en 35.243 e o número total de persoas que teñen o seu posto de traballo no municipio en 50.310.