DUVI | Deseñar unha ferramenta de simulación, baseada no uso de intelixencia artificial, que axudase á toma de decisións na xestión sanitaria de crises como unha pandemia era o obxectivo central de Practicum Direct, un proxecto de investigación do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS), que profesionais sanitarios desenvolveron xunto co Observatorio da Gobernanza G3 da Universidade de Vigo e investigadores da Universidade da Coruña (UDC). Despois de dous anos de traballo, a Facultade de Dirección e Xestión Pública acollía este xoves a presentación dos resultados deste proxecto financiado pola Axencia Galega de Innovación (Gain), que se completou co deseño dun prototipo de simulador que permitiría xerar diferentes escenarios e coñecer así o efecto que as decisións en materia de xestión sanitaria poderían ter en diferentes variables clínicas.