Praderías mariñas e actividades humanas, unha convivencia posible?

O auditorio de Redondela acolleu unha reunión de análise dos resultados do proxecto

DUVI |  Consideralas algas e non plantas que, como as terrestres, teñen raíces e se poden reproducir por pole e xerar sementes, é un erro habitual que proba o descoñecemento global que existe na sociedade sobre as praderías mariñas. Igualmente ignorados para a cidadanía son os beneficios que reportan estes ecosistemas, nomeadamente a captación de CO2 atmosférico; servir de hábitat a moitas especies, algunhas delas de interese comercial como o choco; a depuración da auga do mar; a retención de sedimentos ou evitar a perda de area. “Non obstante, a súa localización, moi próxima á costa, convérteas en moi vulnerables, estando expostas a numerosas ameazas, entre elas, a ocupación da súa zona de asentamento por recheos, contaminación, fondeo de embarcacións ou a actividade marisqueira”, detalla o catedrático de Ecoloxía da Universidade de Vigo Emilio Fernández, que xunto aos tamén docentes e investigadores do CIM Gonzalo Méndez e Jesús Troncoso, lideran o proxecto Zosteco, no que tamén participan o investigador da USC Sebastián Villasante e o Instituto de Hidráulica Ambiental de Cantabria.