DUVI | A ruptura dunha parella con fillos ou fillas pode implicar, máis aló do propio proceso xudicial, consecuencias psicolóxicas, económicas ou académicas nas e os menores. Co propósito de abordar esta realidade deste unha óptica multidisciplinar e achegar procedementos, recomendacións e boas prácticas que poidan axudar a unha xestión positiva da separación, a catedrática da Universidade de Vigo Francisca Fariña e o maxistrado da Audiencia de Barcelona Pascual Ortuño reúnen as reflexións de preto de 40 especialistas e profesionais de diferentes ámbitos no libro La Gestión Positiva de la Ruptura de Pareja con Hijos. Editado por Tirant, este volume é o resultado de tres anos de traballo no que participaron expertos e profesionais da xudicatura, a avogacía, a fiscalía, a socioloxía, a psiquiatría infantil, a pediatría, a psicoloxía, a educación e a mediación, baixo a coordinación de Fariña e Ortuño. “Era importante achegar unha visión global do impacto da ruptura de parella na familia”, salienta a catedrática de Psicoloxía Básica e Psicoloxía Xurídica do Menor dun libro que afonda “nos distintos modelos de xestión legal da ruptura” e nos procedementos existentes “para axudar ás familias a centrarse no interese dos seus fillos e fillas”.