DUVI | Preto dun cento de persoas participaron este venres pola tarde nunha nova xornada de portas abertas do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, unha actividade organizada dentro do programa Divulgando Ciencia Singular, organizada nesta ocasión baixo o lema Conecta con atlanTTic, tres palabras coas que resumir o gran propósito desta actividade: conectar a cidadanía coa tecnoloxía.
As persoas que se animaron a participar e se achegaron ata a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación puideron descubrir, a través de presentacións e demostracións prácticas a cargo dos propios investigadores e investigadoras do centro, as principais liñas de traballo que se desenvolven no centro: comunicacións 5G, aplicacións accesibles, saúde e educación dixital, patrimonio 4.0, firma radar e infravermella, comunicacións ópticas, nanosatélites, observación da Terra ou intelixencia artificial en comunicación. Así mesmo tamén tiveron a oportunidade de coñecer en directo como funciona a impresión 3D e probar as posibilidades que ofrece o taboleiro de cristal luminoso ou lightboard.