Primeiro gran proxecto de innovación para o Laboratorio 5G

Sinatura laboratorio 5G

DUVI | Púxose en marcha hai apenas uns meses e xa está todo listo para que arranque o que será o seu primeiro gran proxecto de innovación. Falamos do Laboratorio 5G da Universidade de Vigo, situado na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e que está chamado a converterse no principal espazo de investigación galego sobre estas tecnoloxías de comunicacións avanzadas sen fíos. Este primeiro traballo co que o laboratorio arranca a súa actividade xira arredor das denominadas Network Slicing ou Segmentación de Rede, unha das características máis innovadoras do estándar da tecnoloxía 5G, se ben o seu desenvolvemento aínda se atopa nun punto moi inicial a pesar das grandes avantaxas que introduce con respecto ao compartimento de redes, asignación de largo de banda e calidade do servizo.