Rede e Geoma participan nun proxecto internacional que desenvolverá innovacións transformadoras para enfrontar con éxito o cambio climático

Membros de Geoma e Rede

DUVI | Os grupos de investigación Geoma e Rede da UVigo participarán xunto a  Cetmar e Feuga no desenvolvemento do proxecto europeo H2020 TransformAr, coa finalidade de articular e demostrar solucións innovadoras que permitan avanzar na resiliencia fronte aos efectos , presentes e esperados, causados polo cambio climático. Xunto a investigadoras e investigadores de Francia, Bélxica, Italia, Grecia, Malta, Alemaña, República Checa, Noruega, Finlandia e Reino Unido, os grupos de UVigo “pretenden pasar de solucións e accións incrementais a innovacións transformadoras que permitan facer fronte con éxito á magnitude do reto proxectado polas previsións científicas”, detallan Ana Bernabeu e Xosé H. Vázquez, investigadores de Geoma e Rede, respectivamente, que lideran a participación destes dous grupos en TransformAr, que hoxe e mañá celebra a súa reunión de lanzamento en Bélxica.