Reducir emisións, reformar a pesca de captura e expandir a maricultura, son, segundo expertos internacionais, as claves para incrementar a produción de alimentos mariños

Elena Ojea

DUVI | Nun escenario de progresivo incremento da poboación mundial, investigadores e investigadoras de universidades e institucións científicas de EEUU, España, Australia, Xapón, Islandia, Filipinas e Reino Unido sinalan, nun artigo publicado hoxe en Nature, que aínda que o cambio climático porá a proba a capacidade dos océanos de satisfacer a crecente demanda de alimentos, a produción destes podería incrementarse a través dunha acción rápida e ambiciosa para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro, ademais de reformando a pesca de captura e expandindo a maricultura (acuicultura mariña) sostible. Os autores de Expanding ocean food production under climate change inciden no seu traballo en que o futuro dos produtos do mar depende das respostas humanas ao cambio climático, ao tempo que alertan de que as reformas pesqueiras, aínda que necesarias, serán insuficientes para manter a produción de peixe e marisco per cápita, incluso con reducións agresivas nas emisións. Non obstante, o potencial da maricultura sostible, sinalan os investigadores, podería aumentar a produción, aínda que estes incrementos están supeditados ás reformas pesqueiras, aos avances nas tecnoloxías de produción dos pensos, ao establecemento dunha maricultura eficaz, ademais de a unha redución drástica das emisións. E é que, segundo os e as autoras do artigo, o cambio climático non é o factor máis limitante para a expansión sostible da maricultura.