San Alberte recupera a normalidade e chega cheo de actividades presenciais

Exposición San Alberte

DUVI | Tras o parón provocado pola pandemia, as facultades de Bioloxía, Ciencias do Mar e Química volven celebrar o seu patrón, San Alberte, e fano con máis folgos que nunca, recuperando as actividades tradicionais desta celebración –charlas, exposicións e concursos- e lanzando novas propostas de actividades presenciais impulsadas polas delegacións de alumnado dos tres centros: desde un ‘Pasapalabra  científico’, ata diferentes xogos de mesa cos que prolongar o día grande da festa, previsto para este venres.

“O máis salientable desta edición é que volvemos recuperar a normalidade, podendo organizar actividades presenciais”, explica Manuel Ángel Pombal, vicedecano da Facultade de Bioloxía, quen salienta que, “tras dous anos no dique seco”, a programación deste ano inclúe a gravación do programa Efervescencia, da Radio Galega, desde o salón de actos do edificio de Ciencias Experimentais o venres ás 11.00 horas. A maiores, Pombal informa tamén da ampliación do prazo de entrega do Concurso de Fotografía Científica, que pasa deste luns ao  vindeiro mércores día 10.