DUVI | A revista científica Scientific Reports, pertencente ao grupo Nature, recolle os resultados dun estudo liderado por persoal investigador do Grupo de Recursos Xenéticos Mariños (ReXenMar) do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo e do grupo AquaCOV, do Instituto Español de Oceanografía, que achega a proba molecular dunha orixe común de todos os morfotipos raros propostos como especies crípticas de pescada no Cono Sur. A investigación foi realizada entre o ano 2000 e o 2020, mediante unha mostraxe mundial das especies válidas de pescada e nove morfotipos, nas súas áreas de distribución entre o Atlántico occidental sur, Pacífico sur oriental e Pacifico sur occidental.