Seleccionan o Centro de Investigación Mariña para participar nun ‘megaproxecto’ europeo de 73 socios e máis de 15 millóns de euros

DUVI | O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, CIM-UVigo, é unha das entidades seleccionadas para participar nun ‘megaproxecto’ europeo financiado polo Programa de investigación e innovación Horizonte Europa con máis de 15 millóns de euros e no que se reúne a participación de 73 institucións, as principais infraestruturas de investigación da Unión Europea relacionadas coa agricultura, campo no que tamén se inclúe a acuicultura. Trátase de AgroServ, Integrated SERVices supporting a sustainable AGROecological transition, un consorcio co que se busca facilitar a transición ecolóxica e o desenvolvemento dun sistema agro-alimentario sostible.