Toda a información do movemento cooperativo galego, nun clic

Proxecto SAVES

DUVI | Entre 1330 e 1400 cooperativas, segundo a fonte consultada, existen na actualidade en Galicia, destacando pola súa importancia as dos ámbitos do cooperativismo agrario e o cooperativismo de traballo asociado. Mentres o primeiro agrupa tanto a pemes, como a grandes empresas, o segundo está integrado, sobre todo, por microempresas de todos os sectores, onde tamén coexisten experiencias cooperativas doutras clases, como as cooperativas do mar, servizos sociais, consumo, vivenda, transportes ou servizos financeiros. “Todas elas conforman o movemento cooperativo galego que, ano tras ano, consolida a súa implantación en Galicia”, explica a docente e investigadora da agrupación estratéxica Ecobas da UVigo, María José Cabaleiro Casal, que xunto ao tamén docente e investigador Carlos Iglesia Malvido traballan desde o ano 2011 nun proxecto de investigación centrado neste ámbito.

Precisamente ao abeiro deste traballo, os investigadores de Ecobas acaban de poñer en funcionamento SAVES, Sistema de Asistencia Virtual para o Cooperativismo e a Economía Social, un asistente virtual que dará acubillo á información máis relevante do movemento cooperativo galego, “centralizada nun único espazo e accesible a golpe de clic”, que pretende ser unha ferramenta de traballo para todos os axentes implicados no cooperativismo e na economía social en xeral.