Tres grupos de estudantes presentan os videoxogos que ambientaron no universo fantástico ideado por Manel Cráneo

ComTecArt

DUVI | Unha nave espacial aterra por accidente nun planeta xeado e descoñecido e os seus ocupantes teñen que facer fronte a diversos perigos para sobrevivir. Este é o punto de partida dos tres proxectos de videoxogo que estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación desenvolveron ao longo deste cuadrimestre no marco dunha iniciativa impulsada polo grupo de innovación docente ComTecArt, dirixida a achegar ao alumnado de diferentes titulacións os procesos de traballo multidisciplinares da industria do videoxogo. Tomando como fonte de inspiración o universo fantástico Planeta Mincha, creado polo ilustrador Manel Cráneo e, máis en concreto, unha pasaxe da súa novela gráfica Destino Hërgüss, tres equipos formados por estudantes dos dous centros deseñaron a primeira fase do xogo que este mércores presentaron nun encontro co desenvolvedor Pablo Monroy e que o vindeiro mércores, a partir das 18.00 horas, poderá probar calquera persoa interesada no evento que o grupo ComTecArt levará a cabo no seu perfil na plataforma Twitch.