Tres minutos para namorar da ciencia en galego

DUVI | Namorar da ciencia en galego en apenas uns minutos. Este foi o reto ao que se enfrontaron as persoas participantes na primeira edición do speed dating divulgativo Seducindo con ciencias, unha dinámica de citas rápidas na que o galego serviu de fío condutor dunha sucesión de encontros, diálogos e descubrimentos científicos.

Durante a mañá, o espazo Incuvi transformouse nun lugar de encontro no que se cruzaron preguntas, sorrisos e curiosidades, demostrando que tres minutos poden abondar para espertar o interese por unha investigación, achegar disciplinas aparentemente afastadas e, quen sabe se tamén prender a faísca dunha historia de amor coa ciencia.