DUVI | Desde o pasado 1 de decembro na entrada do edificio Politécnico do campus de Ourense pode verse a exposición Tuiteando Ciencia, organizada polo Grupo de Innovación Docente en Bioloxía InDBio da Universidade de Vigo. Nela, recóllense 15 paneis nos que, xogando co formato de tweets e hashtags e con imaxes, se desbotan desde un punto de vista científico 15 falsas crenzas, entre elas algunhas relacionadas coa pandemia, como a desconfianza nas vacinas.
“Twitter é un servizo de microblogging que permite a rápida difusión da información. Porén, moitas veces tamén se utiliza para distribuír enganos que poden resultar cribles por seren difíciles de distinguir da verdade. Nesta exposición téntase descubrir sensacionalismos e novas falsas sen fundamento científico”, comentan desde a organización da mostra, que conta co apoio da Vicerreitoría do Campus de Ourense e a Área de Formación e Innovación Educativa da UVigo. Agradecendo a chegada desta exposición a Ourense, Ana María Torrado, directora de Área de Dinamización Cultural e Educativa e Integración do campus de Ourense, pon de relevo dela o seu “obxectivo de difundir coñecemento e sobre todo contribuír a borrar falsas crenzas”, recalcando como “atinxe a moitos bulos que nalgún momento temos escoitado”. Por este interese, a responsable institucional anima á comunidade universitaria a visitar esta mostra.