DUVI | 750 euros; unha invitación a participar como membro distinguido do centro de datos LIS e a presentación do galardoado no próximo LIS Summer Workshop. Estes son os galardóns que o estudante de doutoramento da UVigo Hugo del Valle-Inclán Cruces acadou ao se converter hai uns días no gañador do premio anual Aldi Hagenaars Memorial, co que o centro de datos LIS recoñece ao autor, menor de 40 anos, do mellor artigo incluído durante o ano anterior na serie de documentos de traballo que publica esta asociación sen ánimo de lucro, dedicada a recompilar e poñer a disposición da comunidade investigadora as maiores bases de microdatos sobre ingreso e riqueza dispoñibles. “En puridade non me presentei ao premio, sinxelamente enviei o documento de traballo en cuestión a comezos do ano pasado á serie que publica a institución que outorga o premio e que pide que os traballos realizados empregando a súa base de datos lle sexan enviados. A finalidade principal cando o enviei foi agradecer o labor da institución na recollida de datos e dar visibilidade ao meu artigo, en absoluto pensei que resultaría premiado”, explica o investigador vigués, membro do grupo RGEAF de Ecobas e alumno do Programa de doutoramento de análise económica e estratexia empresarial.
Un artigo sobre a medición da desigualdade de oportunidades outórgalle a un investigador de Ecobas o premio Aldi Hagenaars Memorial
