Un ciclo de conferencias analizará como o sexo e o xénero inflúen na aparición, diagnose e tratamento de enfermidades

DUVI | Patróns de diagnósticos baseados en síntomas masculinos. Estudos médicos que empregan os homes como prototipo poboacional. Mesmas doses de medicamentos para homes e mulleres. Son moitos os nesgos de xénero existentes na atención sanitaria e que poñen de manifesto a necesidade de ter en conta tanto o sexo como o xénero na diagnose e o tratamento de enfermidades. Co obxectivo de achegar ao público xeral unha visión científica da estreita relación entre sexo, xénero e enfermidades, as catedráticas Diana Valverde e Paloma Morán organizan un ciclo de conferencias no que participarán expertos e expertas con ampla experiencia tanto no eido da investigación como no da medicina clínica, polo que afrontan estas cuestións no seu día a día.