Un Día Mundial da Ciencia marcado pola covid-19

Día Mundial da Ciencia

Onte conmemorouse o Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento e, como é normal desde a chegada ás nosas vidas da covid-19, esta marca a axenda da maior parte das cousas que facemos. Coincidindo con esta data, quixemos poñer en valor o traballo desenvolvido polo persoal investigador da Universidade de Vigo, de especial relevancia nestes tempos de pandemia. Por iso, comezamos a difusión en redes sociais (Facebook, Twitter, Instagram, LinkedIn e YouTube) dun vídeo divulgativo sobre algúns dos proxectos de investigación que se están a realizar desde a Universidade de Vigo sobre diversos aspectos relativos ao coronavirus.

A vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, destaca na peza audiovisual que “o impacto da pandemia na nosa sociedade puxo en valor a importancia da I+D+i e colocou a ciencia e a innovación na primeira páxina da axenda pública”. Ademais, Rubio lembra que “ante esta situación excepcional que estamos a vivir, as investigadoras e investigadores da Universidade de Vigo colaboraron dende o primeiro momento achegando materiais de protección e de desinfección desde os seus laboratorios e, máis adiante, desenvolvendo proxectos de investigación que achegasen solucións desde os diferentes ámbitos, demostrando que a interdisciplinariedade é un valor engadido na ciencia”. Desta maneira, explica que “en colaboración con outras universidades, centros de investigación, empresas, hospitais e fundacións biomédicas, desde a UVigo lográronse fondos en convocatorias extraordinarias moi competitivas”.

Ademais, tamén no día de onte, emitiuse en Radio Vigo- Cadena SER un programa especial de “Bata, Bota e Bits” no que se afondaron en diversos aspectos relativos á investigación na Universidade de Vigo. Durante o mesmo, o Reitor, Manuel Reigosa, marcou como liñas mestras da estratexia da institución educativa o captar talento, evitar as fugas, conseguir captar fondos para realizar proxectos e seguir realizando patentes con selo vigués. No programa participou igualmente a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, que explicou varias cuestións relativas ao traballo dos grupos de investigación e a situación da muller neste eido, incidindo nas medidas adoptadas pola institución para correxir a fenda de xénero.

Houbo tempo para repasar tamén os proxectos de investigación que se realizan na UVigo relativos á Covid-19 e rematou o espazo coa intervención da directora do Centro de Investigacion en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos IndustriaisCintecx, Concepción Paz Penín, que afondou nas investigacións e nos grupos que traballan no centro, ademais de explicar as súas liñas estratéxicas de cara o futuro.