DUVI | Natural da rexión de Urabá, Mauricio Ortega converteuse en Tokio en 2021 no primeiro lanzador de disco colombiano en acadar un diploma olímpico. Coa meta de tratar de repetir ou mesmo mellorar este logro nos xogos que se disputarán en París o vindeiro ano, este atleta residente en Pontevedra traballa na optimización da súa preparación e rendemento cos investigadores e investigadoras do Laboratorio de Rendemento, Condición Física e Benestar da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. A través dun contrato de I+D, o laboratorio que coordina Óscar García leva a cabo unha serie de avaliacións do deportista colombiano, que permiten achegar unha serie de pautas e recomendacións ás diferentes fases do proceso de adestramento que Ortega leva a cabo no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), baixo a dirección do cinco veces olímpico Frank Casañas.