Un encontro internacional de especialistas fronte o reto de investigar unha arte caracterizada pola súa “indefinición”

DUVI | Construír unha “base teórica que nos axude a entender a complexa disciplina da performance”. Con esa idea,  explica o profesor da Facultade de Belas Artes Carlos Tejo, naceu en 2016 o congreso internacional Fugas e Interferencias, o único foro académico centrado no estudo da arte de acción que se desenvolve en España, que este venres inauguraba a súa sétima edición na Vicerreitoría do campus de Pontevedra. Entre esta xornada e o domingo, unha vintena de investigadores e investigadoras de cinco países participan nun congreso que combina a presentación de preto dunha vintena de comunicacións, con conferencias plenarias e o desenvolvemento de performances como a que levou a cabo o grupo Ennui, integrado por estudantes da Facultade de Belas Artes, a carón das ruínas de Santo Domingo.