Un equipo interdisciplinar deseña contidos formativos para familias sobre un uso seguro de internet

Sentidiño na rede

DUVI |  Desenvolver e difundir unha serie de contidos formativos e informativos, dirixidos ás familias e centrados en promover un uso seguro de internet por parte das e os menores, así como amosar tamén a pais e nais as oportunidades que achega a rede. Ese é o obxectivo central de Sentidiño na rede, un dos ‘microproxectos’ inseridos en Redes de innovación para la inclusión educativa y social, un proxecto de investigación financiado polo Ministerio de Economía, que, no marco do Plan Nacional de Investigación 2016-2019, levou a cabo o grupo Cies (Colaboración, Innovación e Investigación para a Equidade Socio-educativa), integrado por investigadores e investigadoras da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra e da Facultade de Ciencias da Educación de Ourense. No marco deste proxecto, dirixido a analizar como procesos de innovación realizados xunto a diferentes axentes educativos e sociais contribúen á inclusión educativa e social, as profesoras Esther Martínez e Manuela Raposo coordinan unha iniciativa que integra, nunha “rede de innovación interprofesional”, a especialistas, profesionais e representantes de diferentes ámbitos. Todos eles traballaron conxuntamente na elaboración dunha serie de podcast que que poñen o foco en cuestións como os sinais de alerta que é preciso ter en conta, os sistemas de control dos dispositivos dixitais ou as normas de cortesía na rede.