DUVI | En 2014 o investigador da Universidade de Vigo Anxo Mena publicou unha tese de doutoramento na que demostraba que os desprendementos masivos de icebergs no Atlántico norte, os coñecidos como Eventos de Heinrich, provocaron o maior cambio climático na oceanografía de Galicia. Ese estudo estaba centrado, sobre todo, en como afectaron eses cambios a microorganismo como o plancto, pero neses intres pouco ou nada se sabía sobre as transformacións que produciran na comunidade macrobentónica, no conxunto de animais que habitaban neses intres o fondo da denominada Conca Interior de Galicia, unha depresión submarina de máis de 3000 metros de fondo que se estende do norte ao sur a uns cen quilómetros da costa galega. Estes datos chegan agora da man dun equipo internacional do que forman parte o propio Anxo Mena e o docente que dirixiu a súa tese, Guillermo Francés, investigadores ambos do grupo de investigación de Oceanografía Xeolóxica e Bioxeoquímica do Centro de Investigación Mariña CIM-UVigo; o profesor Francisco Javier Tovar, da Universidade de Granada, que liderou o estudo, e o investigador da Royal Holloway University of London Javier Dorador.
Un equipo internacional investiga por primeira vez como afectaron os cambios climáticos abruptos á fauna bentónica da Conca Interior de Galicia
