Un estudo avoga por unha prestación estatal para nais e pais con redución de xornada ou excedencia por coidados

DUVI | Investigadores do grupo Governance and Economics Research Network (Gen) da Universidade de Vigo veñen de avaliar nun estudo o impacto das medidas para favorecer a conciliación laborar e familiar das familias numerosas durante 2022, tomando como exemplo políticas de varias comunidades autónomas e países como Francia ou Alemaña. O traballo, feito para a Federación Española de Familias Numerosas (FEFN), apunta a necesidade de que se compense o coidado de fillas e fillos cunha prestación estatal para aminorar a perda económica que sofren as familias que optan por reducir a súa xornada de traballo ou coller unha excedencia durante un tempo por razóns familiares. O obxectivo desta medida sería favorecer a conciliación e a corresponsabilidade de xénero, poñendo o foco en que por cada dez excedencias, nove son de mulleres e unha de homes.