DUVI | Como está a afectar a situación de confinamento provocada pola COVID-19 á forma de relacionarse e de xestionar posibles conflitos nas parellas separadas con fillos e fillas? Esa é a pregunta á que busca dar resposta un estudo promovido polo grupo de investigación PS1 da Universidade de Vigo xunto coa Unidade de Psicoloxía Forense da Universidade de Santiago de Compostela, coa colaboración tamén de investigadores da Universidade de Barcelona, do Colegio Mexicano de Profesionistas de la Psicología e de diferentes asociacións. “O estudo naceu para coñecer se a crise sanitaria, social e en moitos casos persoal que a COVID-19 está provocando, afectaba dalgunha maneira á forma de levar a cabo a coparentalidade”, explica a catedrática de Psicoloxía Xurídica do Menor da Universidade de Vigo e coordinadora desta investigación, Francisca Fariña. Ata a data, realizáronse cuestionarios a máis de 300 proxenitores e a preto de 300 profesionais do ámbito do dereito de familia como parte dun estudo que busca coñecer, entre outros aspectos, como se están xestionando os tempos de estancia e convivencia dos fillos e fillas durante este período de confinamento.