Un novo número da revista Redas recolle traballos presentados no IV Congreso Internacional da Auga

DUVI | No marco do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus Auga, no ano 2015 desde a súa Facultade de Dereito púxose en marcha a revista electrónica anual Redas. Revista de Derecho, Agua y Sostenibilidad. Tamén arredor do Campus Auga, de xeito bianual organízase de xeito rotatorio entre as escolas e facultades de Ourense o Congreso Internacional da Auga, cuxa última edición, a cuarta, tivo lugar en outubro de 2022 baixo a batuta da Facultade de Dereito e centrado nesta ocasión no Dereito e Auga no Horizonte 2030. Compartindo Redas e este último congreso o mesmo interese na análise dos recursos hídricos desde unha perspectiva xurídica, a revista vén de dedicar o seu último número a recoller traballos presentados nese IV Congreso Internacional da Auga.