DUVI | Despois de tres anos de actividade, o Proxecto Pronorm, dirixido polo catedrático de Filosofía do Dereito da Universidade de Vigo Pablo Raúl Bonorino, chegou ao seu fin e fíxoo facendo un balance positivo do seu desenvolvemento. Nel especialistas das universidades de Vigo, Santiago de Compostela, León e diversas institucións académicas de Brasil e Arxentina reflexionaron sobre como están influíndo os conflitos de dereito no proceso de construción de novas normas xurídicas xerais e sobre as friccións que xera no dereito desafíos como o tratamento da igualdade de xénero, do cambio climático, do castigo ou da mercantilización.
O estudo, titulado Conflitos de dereitos e produción normativa, estivo financiado pola convocatoria Retos da Sociedade 2016 do Ministerio de Economía e Competitividade. Pablo Raúl Bonorino foi o investigador principal dun traballo no que tamén participaron investigadores estatais e internacionais como María Concepción Gimeno, Guillermo Suárez, Joaquín Rodríguez-Toubes, Manuel Segura, Sonia Esperanza Rodríguez, Mario Alberto Portela, Thomas da Rosa de Bustamante, Joao da Cruz Gonçalves Neto e Martín Bohmer. A iniciativa, indica o seu responsable, enmarcouse á súa vez nun proxecto coordinado que uniu a grupos de investigación de filosofía do dereito de máis de 15 universidades estatais e estranxeiras. “O obxetivo xeral deste proyecto coordinado foi elaborar unha teoría xeral sobre os conflitos entre dereitos subxectivos e sobre os mecanismos teóricos e prácticos para a súa resolución”, comenta Pablo Raúl Bonorino.