As charlas en directo volveron onte á nosa páxina de Facebook. Concretamente, a coordinadora do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT), Beatriz Comendador Rey, ofreceu un coloquio titulado “Baixo a terra” co que pretendía vincular a tradición oral, o noso patrimonio, o territorio e a aqueoloxía, facendo un percorrido polo que a investigadora definiu como o “auténtico tesouro da nosa cultura: os relatos e as narrativas que as sociedades crean sobre o territorio”.
Segundo Beatriz Comendador, “posiblemente nós seremos a última xeración que teña contacto con esta riqueza de información agochada nas cabezas das persoas máis vellas”. A científica analizou diversos enclaves arqueolóxicos e o seu vínculo con lendas e historias que, no fondo, todas e todos lembramos, en maior ou menor medida, para facer fincapé en que “recuperar esta herdanza e transmitila é unha das nosas principais obrigas, antes de que un mundo cambiante e globalizado pase a goma do borrar sobre eses fermosos debuxos dun mundo invisible, construído e visible tan só desde a memoria”.
Durante a conferencia, tamén se referiu á actualidade e analizou o impacto da crise provocada polo coronavirus nas profesións relacionadas co Patrimonio Cultural e o contexto de vulnerabilidade que iso promove.
Neste senso, a arqueóloga defendeu que “nun escenario de futuro que esixe estratexias e políticas que implican cambio social e reestruturación económica, está nas nosas mans promover o debate e asumir a proactividade na transformación social, e reivindicar a Educación Patrimonial como elemento de cuestionamento crítico do presente e factor de innovación social a través da toma de conciencia. Unha labor educativa fundamental”.
Rematada a charla, houbo unha quenda de preguntas nas que se abordaron cuestións como a importancia da memoria das persoas maiores no traballo de investigación na Arqueoloxía, a volta ao traballo nos xacementos tras o confinamento ou as implicacións do fin do mesmo no desenvolvemento local das zonas de interior e como isto podería afectar ao patrimonio histórico que nelas existe.
A investigadora rematou cunha frase que resume en gran medida as ideas trasladadas na charla: o futuro está na orixe. Opinades o mesmo? Volvede a ver o coloquio na seguinte ligazón e seguro que coincidides coa opinión desta arqueóloga!
Desde a UCC+i queremos agradecer a implicación de Beatriz Comendador nesta iniciativa e a participación das persoas que seguiron a súa charla e formaron parte da mesma coas súas preguntas e comentarios.