DUVI | A proliferación de noticias falsas e boatos, informacións non confirmadas que se difunden publicamente, tense convertido nunha ameaza para a reputación de organizacións, empresas ou institucións e mesmo para o normal funcionamento dos sistemas democráticos. Isto contribuíu a que nos últimos anos fosen numerosas as investigacións que centradas nos efectos das fake news e a desinformación. Mais ata o de agora fora escasamente analizado o impacto que as noticias falsas teñen na esfera política autonómica e local, eixo do proxecto de investigación Fakelocal, coordinado polos investigadores da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Xosé Rúas e Ana Belén Fernández Souto e financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación. Seleccionado na convocatoria de Proyectos de Generación de Conocimiento de 2021, Mapa de la Desinformación en las Comunidades Autónomas y Entidades Locales de España y su Ecosistema Digital (Fakelocal) ten como obxectivo “identificar, medir e clasificar os principais asuntos ou temas da desinformación relacionada coa xestión das corporacións locais e comunidades autónomas”.