Un proxecto de innovación educativa explora os beneficios de dotar as materias da estrutura dun xogo

DUVI | Como se de judokas se tratase, o alumnado inicia o cuadrimestre cun cinto branco e vai superando tarefas co propósito de chegar ao negro. Esta foi unha das ideas postas en marcha polos profesores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Iván Prieto e Alfonso Gutiérrez no marco dun proxecto dirixido a explorar os beneficios da gamificación na motivación e interese do alumnado polos contidos de diferentes materias. Seleccionado na convocatoria de proxectos de innovación docente impulsada pola Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte para o presente ano, esta iniciativa tivo como obxecto avaliar, explican os seus responsables, os efectos dunha “estratexia de ensinanza-aprendizaxe” baseada no uso de técnicas e estratexias propias dos xogos.