Un proxecto do grupo de Filoxenómica busca definir un sistema de detección precoz do cancro colorrectal baseado no microbioma

O catedrático David Posada, xunto a Carmen Abeledo e Isabel Orbe

DUVI | Estudar se o microbioma, o conxunto de bacterias e virus presentes neste caso no intestino, “poden axudar a predicir a posibilidade de que unha persoa vaia desenvolver lesións como pólipos ou cancro colorrectal no futuro”. Este é, como sinala o catedrático da Universidade de Vigo David Posada, o obxectivo central do proxecto de investigación que, baixo a súa coordinación, o grupo de investigación en Filoxenómica do Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio) desenvolverá co financiamento da Asociación Española Contra el Cáncer (AECC). Beneficiario dunha axuda de preto de 274.000 euros, trátase da única investigación seleccionada neste 2021 na provincia de Pontevedra na convocatoria de proxectos xerais impulsada por esta asociación, que este luns celebrou na sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra o acto de entrega e presentación destas axudas.