DUVI | De espazos de cooperación e traballo conxunto entre institucións e entidades de diferentes países a escenarios de crises políticas e humanitarias. O concepto de fronteira alude a realidades moi diversas, que investigadores e investigadoras de México, España, Italia e Estados Unidos analizan nun proxecto financiado polo Consejo Nacional de Ciencia y Tecnología (Conacyt) do Goberno de México co propósito de definir un modelo de análise comparada aplicable ás diferentes fronteiras do mundo. Para a súa definición, o proxecto que coordinan o Colegio de la Frontera Norte (Colef) e o Centro de Investigación en Alimentación y Desarrollo (CIAD) mexicanos abrangue o estudo de diferentes realidades fronteirizas, como a que implican os procesos de cooperación e integración das eurocidades da ‘raia húmida’ entre Galicia e o norte de Portugal, que serán analizadas polo coordinador do Observatorio da Gobernanza G3, Enrique Varela. Unha análise que, como recoñece o tamén decano comisario da futura Facultade de Dirección e Xestión Pública, virá marcada polos efectos da covid-19 sobre as “fronteiras interiores” da Unión Europea.
Un proxecto internacional avalía os efectos da pandemia na raia húmida entre Galicia e Portugal
