Un sistema inspirado no utilizado por Stephen Hawking para que Carlos poida comunicarse

CharlieSays

DUVI | CharlieSays botou a andar cando a tía de Juan Abia lle propuxo a este estudante de cuarto curso do Grao en Enxeñaría en Electrónica Industrial e Automática da Universidade de Vigo que desenvolvese para o seu Traballo de Fin de Grao (TFG) un sistema que permitise a comunicación con Carlos, o seu fillo e curmán de Juan, que este mes cumpre 33 anos e que sofre parálise cerebral. Carlos, que naceu sendo un neno san, sufriu cando tiña un ano unha parálise cerebral, producida pola aciduria glutárica que padece e que non lle foi diagnosticada ata que cumpriu 11 anos. Esta enfermidade que impide a quen a padece descompoñer as proteínas animais correctamente, unha vez diagnosticada e establecida unha dieta que reduce á mínima expresión a presencia de proteínas animais, permite ás persoas enfermas desenvolver unha vida normal. Non obstante, no caso de Carlos a diagnose chegou moi tarde, ocasionándolle graves secuelas, como a parálise cerebral que lle impide falar ou moverse voluntariamente, agás algún movemento aparentemente controlado e con máis forza que é quen de facer coa súa man dereita.