DUVI | Alfamov é o nome dunha aplicación dirixida a avaliar se os nenos e nenas de primaria desenvolven correctamente as chamadas habilidades motrices básicas, como correr, saltar, agarrar ou lanzar, así como detectar en que aspectos concretos ou seu grao de desenvolvemento se sitúa por debaixo do acorde á súa idade. Desenvolvida por investigadores das universidades de Vigo e Santiago de Compostela, esta app é o resultado final dun proxecto de investigación seleccionado na convocatoria Retos, do Ministerio de Ciencia e Innovación, que pon o foco na “alfabetización motriz” dos nenos e nenas, o proceso de adquisición dunha serie de habilidades que contribuirán a que teñan posteriormente un estilo de vida activo. “Un desenvolvemento non adecuado destas habilidades motrices relaciónase xeralmente con baixos niveis de actividade física e altos niveis de obesidade e sobrepeso”, salienta o investigador do grupo Remoss Ezequiel Rey, responsable, xunto co profesor da USC Cristian Abelairas, do proxecto que deu lugar a esta aplicación.