DUVI | “Comezamos da nada practicamente. Era un xacemento que quedara esquecido e aínda que se escavara na década de 1950, tapárase e non era visitable. Ao empezar de cero, dez anos despois temos un sitio que visitan, calculamos nós, unhas 10.000 persoas ao ano. E ese é o primeiro impacto, de ter cero persoas que podían visitar o xacemento pasou a ter 10.000 ao ano”. Esta circunstancia engadida á repercusión social e ao impacto económico que durante a última década está a producir en Allariz, é segundo o docente e investigador da UVigo Adolfo Fernández, o máis salientable que presenta o balance dunha década de traballo no xacemento de Armea. Pero o labor desenvolvido ao longo destes anos, froito da colaboración iniciada no ano 2011 entre o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da UVigo (GEAAT) e o Concello de Allariz, permitiu tamén mudar o concepto que desde o ámbito investigador se tiña de Armea. “Coñecíase como un castro máis da arqueoloxía galega, un xacemento tipo da Idade de Ferro, e unha vez que nós levamos alí varios anos o que cremos, e así queda publicado, é que se trata dunha cidade romana. Polo tanto si que se cambiou o panorama, neste caso investigador do xacemento”, detalla o director da escavación, Adolfo Fernández, sobre esta cidade de época romana, que se estende polas ladeiras da montaña e que tivo grande importancia na administración da zona.