Unha gala pon o broche final ao ciclo de Embaixadores e embaixadoras da ciencia e do coñecemento

A Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da Universidade de Vigo volveu colaborar co Programa Universitario de Maiores (PUM) para impulsar unha nova edición da iniciativa Embaixadores e embaixadoras da ciencia e do coñecemento, unha proposta que sitúa o alumnado sénior no centro da comunicación científica.

A actividade intégrase no programa anual de divulgación Ciencia de ida e volta, promovido pola UCC+i e financiado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. A través desta acción, as persoas participantes teñen a oportunidade de compartir o seu coñecemento e experiencia coa cidadanía, asumindo o reto de preparar e impartir unha charla divulgativa.

Ao longo desta quinta edición organizáronse tres encontros en cafeterías de Vigo, Ourense e Pontevedra, nos que estudantes do PUM presentaron os seus relatorios ante o público. Para elaborar os contidos, contaron coa colaboración de persoal investigador da Universidade de Vigo, que lles ofreceu orientación científica e apoio durante todo o proceso de preparación. O resultado foron intervencións rigorosas, próximas e amenas, deseñadas para facer a ciencia máis comprensible e atractiva para todos os públicos.

A valentía de abrazar unha vocación tardía, en Pontevedra

O xoves 18 de xuño realizouse a primeira charla do ciclo en Pontevedra, na cafetería La Gramola. Baixo o título A valentía de abrazar unha vocación tardía, a embaixadora Coque Fariña Esperón achegou ao público a súa historia persoal, unha traxectoria de superación constante que se reafirmou coa súa entrada no PUM. Con 40 anos, Coque descubriu a súa verdadeira vocación profesional e converteuse en cociñeira profesional, divulgadora gastronómica e creadora de contidos en redes sociais.

No seu relatorio contou co apoio da súa mentora, Luz Pérez Costa, experta en comunicación e publicidade na axencia Ovo Publicidade, e profesora convidada no Programa universitario de maiores.

Charla O milagre da miña zanfona en Vigo

O ciclo de charlas seguiu en Vigo, o 19 de xuño no Vitruvia Café, da man do embaixador Mauro González Bao, que explicou como construíu unha zanfona artesanalmente, unindo os coñecementos adquiridos no Programa universitario de maiores coa súa formación na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo.

Carmen M.ª Abreu Fernández, profesora titular na Área de Ciencia dos Materiais e Enxeñaría Metalúrxica da Escola de Enxeñaría Industrial da UVigo, e coordinadora do PUM, acompañou como mentora a Mauro e fixo unha introdución sobre os materiais que se empregan para a realización deste instrumento.

A ciencia a lume lento: o segredo da lonxevidade na cociña tradicional galega

O ciclo 2026 de Embaixadores e embaixadoras da ciencia e do coñecemento clausurouse en Ourense, no Café & Pop Torgal o 25 de xuño. A través da súa charla, o alumno do PUM Celso Sánchez, puxo en valor a forma de cociñar tradicional en Galicia, destacándoa como ferramenta fundamental fronte ao estrés e ao envellecemento prematuro que experimenta a sociedade na actualidade.

A súa mentora foi Marisol López, experta en saúde pública e dietoterapia, que imparte as materias «Comer con ciencia» e «Dieta galega e saúde» no Programa.

Gala homenaxe

O pasado venres 26 de xuño, celebrouse no edificio Redeiras un emotivo acto para recoñecer e homenaxear o compromiso, esforzo e dedicación dos Embaixadores e Embaixadoras da Ciencia e do Coñecemento destas cinco edicións. En total 22 alumnas e alumnos, e 16 investigadores e investigadoras da UVigo que participaron como mentores e mentoras, estiveron involucrados nesta iniciativa dende 2022.

Na cerimonia, que estivo conducida polo actor Quico Cadaval, tamén participou o novo vicerreitor de Transferencia, Innovación e Impacto Social, Rafael Comesaña.

Esta gala serviu para agradecer o compromiso de todas estas persoas nun programa que xa se consolidou como unha ponte entre a universidade e a sociedade, achegando a importancia da divulgación científica, a transferencia de coñecemento e a aprendizaxe ao longo da vida ao conxunto da cidadanía.