DUVI | As imaxes que, con maior ou menor nitidez, as persoas son quen de xerar nas súas mentes inflúen en aspectos como as respostas afectivas ou o estado de ánimo. Pese a iso, apenas existen estudos que poñan en relación a viveza ou o grao de control desas imaxes mentais coa “ansiedade ante a morte”, como explica a investigadora Esther López, que centrou a súa tese de doutoramento nesta “pouco investigada relación”. Concretamente, López Pérez analizou a influencia da “viveza de imaxe, imaxe da morte e actitude ante a morte” cun grupo de 280 alumnos da ESO e 250 estudantes universitarios, o que lle permitiu constatar que, se ben a diferencia de idade non influía na imaxe da morte, si o facía o sexo, posto que as alumnas mostraron un “maior medo e evitación” desta, mentres que os alumnos homes mostraban “unha menor ansiedade ante a morte”, da que teñen “unha imaxe moito máis positiva”.