Unha investigación confirma a heteroxeneidade na composición e diversidade de hábitats das floras do Xurásico da península ibérica

DUVI | No Xurásico, a península ibérica era unha grande illa con ecosistemas nos que habitaban grandes dinosauros e onde as floras eran bastante homoxéneas. Esta derradeira afirmación, defendida durante décadas, é rebatida na tese New palaeobotanical contributions to the Jurassic of Northern Iberian Peninsula: palynostratigraphical and palaeoecological insights do investigador da UVigo Artai Santos López. Dirixida polos docentes e investigadores da UVigo e da Fundación Teruel-Dinópolis, Jose Bienvenido Díez Ferrer e Luis Miguel Sender Palomar, respectivamente, a tese conclúe que “as floras do Xurásico non son tan homoxéneas, nin en composición, nin en diversidade de hábitats como se viña defendendo desde hai décadas”, explica o autor da investigación.