Unha investigación demostra o potencial da ‘gamificación’ para ensinar reanimación a menores

Reanimación

DUVI | As paradas cardíacas sufridas fóra dunha contorna hospitalaria constitúen a terceira causa de morte nos países industrializados, tralo cancro e as enfermidades cardiovasculares, e ante este tipo de episodios resulta vital a realización das manobras de reanimación cardiopulmonar (RCP) por parte das persoas que se atopan no lugar, ata a chegada dos servizos sanitarios. De aí a importancia que ten a formación previa en reanimación en ámbitos como o escolar, eixo da investigación que Martín Otero desenvolveu para a súa tese de doutoramento, na que demostrou a efectividade dunha metodoloxía baseada na gamificación á hora de ensinar RCP a alumnado de secundaria. Este estudo, do que dá conta un dos tres artigos publicados en revistas científicas que integran a tese, foi recollido dentro das recomendacións en materia educativa das novas guías do European Resucitation Council e da American Heart Association, dúas organizacións que, sinala, “son os referentes mundiais en todo o que ten relación co soporte vital básico”.