Unha investigación liderada pola UVigo conclúe que Marte tiña condicións para ser habitable hai 3500 millóns de anos

Elisabeth Losa-Adams, do grupo Geoma, coordina o estudo publicado en Nature Astronomy

DUVI | Hai 3500 millóns de anos Marte reunía as condicións básicas imprescindibles para ter vida. Así o demostra a investigación publicada por Nature Astronomy e liderada pola investigadora da Universidade de Vigo Elisabeth Losa-Adams. A científica, que forma parte do grupo de Xeoloxía Mariña e Ambiental da Universidade de Vigo (Geoma) do Centro de Investigación Mariña, lidera un equipo internacional no que participan tamén  Carolina Gil Lozano, investigadora da Uvigo actualmente en Nantes, así como A.G. Fairen do Centro de Astrobiología e no que tamén colaborou Luis Gago Duport deo Grupo XM1 da Universidade de Vigo e expertos da NASA, que forman parte do equipo do Curiosity, un dos rovers actualmente en Marte.

O artigo, titulado Long-lasting habitable periods in Gale crater constrained by glauconitic clays, céntrase no estudo dun tipo de arxila, as glauconíticas, que foron recollidas polo rover Curiosity no cráter Gale en Marte en 2016. Segundo os investigadores, este mineral, que tamén se atopa na Terra, tan só se pode formar en contornas de soporte de vida similares aos da Terra, polo que a súa presenza en Gale “indica que durante o período no que se formaron houbo condicións favorables para a vida tal e como a coñecemos hoxe en día”, explica Losa-Adams.