DUVI | Fields4ever é unha iniciativa global para a conservación e vixilancia da saúde do solo, que pretende analizar preto de medio millón de hectáreas en todo o mundo ao longo de ano medio. Para facer posible este reto, a empresa de biotecnoloxía Biome Makers, que é a impulsora de Fields4ever, fixo un chamamento a organismos de investigación e ciencia e a agricultores de Europa, Asia, África e América para que se sumasen a esta proposta e axudasen a realizar esta monitoraxe mundial.
Así, no marco de Fields4ever estanse a desenvolver unha serie de proxectos locais, un deles coordinado por María Gómez Brandón, investigadora Ramón y Cajal do Grupo de Ecoloxía Animal da Universidade de Vigo. En concreto estudará a biodiversidade microbiana dos solos de campos de cultivo de millo forraxeiro en cinco localidades galegas.