DUVI | Baixo o nome de KITep, o Grupo de Innovación Docente en EduAcción Patrimonial da Universidade de Vigo acaba de lanzar unha publicación na que se recollen diferentes ferramentas pensadas para traballar a educación patrimonial facendo fincapé na socialización patrimonial e na participación das comunidades nestes procesos.
Segundo explica Beatriz Comendador, coordinadora de EduAcción Patrimonial, o material está editado grazas a unha axuda para a divulgación das actividades dos grupos de innovación docente da UVigo e constitúe o terceiro dos materiais editados polo grupo sobre patrimonio cultural, publicándose anteriormente unha Guía de boas prácticas na visita aos sitios con arte rupestre e o libro A Pedra do Encanto. Os Relatos das Vellas Pedras. Con esta nova publicación, engade a profesora da Facultade de Historia do campus de Ourense, quérese atender “a inquedanza de moita xente por coñecer actividades que se poden facer para traballar cunha comunidade x, sexa unha comunidade de veciños, de estudantes ou o que sexa”. Así, lembra, este grupo de innovación ten como finalidade desenvolver accións dirixidas á formación, innovación e renovación do modelo educativo en relación coa educación patrimonial e tamén impulsar o traballo cooperativo entre docentes de diferentes centros, ámbitos disciplinares e contextos educativos que comparten obxectivos comúns.