Unha publicación permite coñecer os resultados da intervención arqueolóxica no Penedo Gordo

DUVI | Penedo Gordo, tamén chamado Penedo da Moura, é un afloramento rochoso exento no lugar de Feilas, na parroquia de Fumaces e A Trepa, no concello ourensán de Vilardevós. É ademais un dos catro sitios con pintura rupestre esquemática localizados en Galicia ata agora. Co obxectivo de “cubrir un importante baleiro na investigación” deste enclave, vén de publicarse o libro O Penedo Gordo. Intervención arqueolóxica nun abrigo con pintura rupestre esquemática da Galicia suroriental.