Unha publicación recolle os resultados de catro investigacións multidisciplinares relacionadas con Ourense

Un dos estudos centrouse no emprego de restos de podas de vide para a obtención de produtos de valor engadido e outro na reputación do enoturismo

DUVI |  Ao longo de 2020, grupos de investigación multidisciplinares do campus de Ourense desenvolveron catro proxectos de investigación ao abeiro da convocatoria de axudas INOU (financiada pola Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense). Os seus traballos estiveron centrados na oferta e reputación dixital do enoturismo ourensán; a interpretación patrimonial de sitios con pintura rupestre esquemática da comarca de Monterrei; a análise e prevención de conductas aditivas e de risco nas redes sociais e o emprego de restos de podas de vide para a obtención de produtos de valor engadido. Unha publicación electrónica recolle agora os seus resultados.